DOU GRAZAS
Artigo de Fernando Castro. DOU GRAZAS. Aparecido en www.anosaterra.com, 2 febreiro do 2011.
Dou grazas, a todos os deuses nos que non creo, por permitirme ter sido escritor, por deixarme vivir nas palabras, naufragar nelas e nadar nelas. Dou grazas polos libros, polos que teño lido, polos que lerei, e por todos os que quedarán sen ler cando eu xa non estea. Dou grazas por ser novelista, poeta, aprendiz das verbas que nunca chegan porque se desexan tanto e esa insatisfacción e procura é alimento. Dou grazas porque cando leo estou fóra do mundo e nada me preocupa, e eu non son e é cando máis son. Dou grazas porque pola literatura vivo moitísimo máis do que calquera vive, porque por ela viaxei por continentes e planetas que nunca pisarei pero nos que xa estiven grazas aos soños que outros e outras quixeron soñar comigo cando escribiron. Dou grazas por formar parte do universo marabilloso dos trobadores e dos bufóns da semántica, dos que se ispen en cada verso, dos que conectan con outros corazóns a través das meniñas dos seus ollos que me acariñan cando se deitan sobre as palabras que eu escribín na soidade da miña individualidade de escritor en zapatillas. Dou grazas por tantas historias lidas e polas que eu escribín. Dou grazas porque cando estou creando estou vivindo noutro sitio e ninguén sabe. Polas verbas todas. Dou grazas.